A MIT Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia presenta o cartaz deste ano 2025, asinado pola ilustradora Montse Piñeiro, e avanza os primeiros nomes e actividades para esta 41ª edición.
A 41ª edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, que se celebrará en xullo de 2025, presenta o seu novo cartel, creado pola artista galega Montse Piñeiro, inspirado na pedra granítica e na vexetación silvestre de Ribadavia, elementos que simbolizan a resistencia e o esforzo vinculados ao teatro. O deseño combina unha estética minimalista con elementos dinámicos que evocan a posta en escena teatral.
Esta edición marca un cambio na dirección artística, que por primeira vez está liderada por dúas mulleres: Sabela Mendoza como directora e Gena Baamonde como directora adxunta. Ambas propoñen unha edición de transición que mantén a estrutura tradicional do festival, pero comeza a incorporar novas liñas curatoriais centradas na contemporaneidade, a diversidade, a mirada feminista e os formatos escénicos híbridos.
O programa inclúe varias estreas galegas apoiadas pola MIT, como Reconversión de Ibuprofeno Teatro, Non Pasarán de Ártika Cía, e Profetas de Ítaca Teatro. Ademais, a MIT aposta tamén por unha coprodución estatal, Tierras raras de Luz Arcas / La Phármaco, que mestura danza, canto e reflexión sobre o tempo e a memoria.
No ámbito da creación e participación comunitaria, destacan as residencias artísticas como as de La Volátil (proxecto Pan, nubes y chocolate) e da portuguesa Patricia Portela (Os passadores), que desenvolverán obradoiros e mostras abertas ao público. Estas iniciativas buscan recuperar memorias esquecidas e conectar co territorio e as súas historias.
A MIT celebrará tamén os 20 anos do Premio Abrente de Textos Teatrais cun evento especial o 24 de xullo, que incluirá lectura de fragmentos e o anuncio do premio deste ano.
En canto á formación escénica, haberá cursos de máscara neutra e clown, así como un taller escénico da compañía Societat Doctor Alonso, que tamén presentará o seu espectáculo Hospital de Campo.
Por último, a programación internacional inclúe a compañía Circolando (Portugal) co espectáculo Crátera e os italianos Parini Secondo co innovador HIT (out), que levarán á escena propostas performativas e coreográficas de gran impacto.
A programación completa, que este ano inclúe un total 23 representacións escénicas e outras actividades paralelas, será presentada o próximo 26 de xuño.
* Os comentarios realizados sen iniciar sesión estarán pendentes de aprobación antes da publicación